Praia dura
¿El serán dornas ou balandros
os pensamentos que me esvaran
pola lagoa da memoria
da queimada xuventude?
Deixo que se atopen
as palabras ao chou, deixo que agatuñen
polas lembranzas,
que prendan fogueiras,
que maten os xeos.
Camiño aínda sen muletas, xanto,
bebo viño, sábenme tanto os labios
incandescentes.
No adro da ermida
cociñábase o arroz.
Sei das grellas cheas
de carne e da sombra
das sobreiras.
Non enlees
moito máis as lembranzas.
Pide só
as palabras xustas
para que xurda a imaxe das cousas
pasadas.
Déixaas ir
como unha estrela
desde un outeiro.
As ondas baten
desfalecidas no areeiro
suxo, negro da praia dura
dos anos vividos.